O novo xénero televisivo galego que enxalza 'The Guardian'
A proliferación de series e películas que se están a facer en Galicia chamou a atención dun dos xornais máis importantes do Reino Unido. The Guardian repasa nun artigo os thrillers producidos en Galicia, moitos deles apoiados e emitidos pola TVG.
A lingua ou o acento galego en plataformas dixitais universais xa non é unha rareza. O sabor das margaridas, coproducida e estreada pola Televisión de Galicia, foi a primeira que se emitiu en galego en Netflix.
O xornal británico destaca a gran cantidade de rodaxes que se están a facer no noso país tanto para Netflix como para HBO, Movistar ou Amazon.
"As plataformas déronse conta de que para ter clientes en todo o mundo teñen que ofrecer produción local", considera Emma Lustres, produtora audiovisual.
A reportaxe, titulada 'Galicia negra: como un recuncho chuvioso de España creou un novo xénero televisivo', destaca o papel da televisión autonómica como impulsora do fenómeno. Tres das series que menciona son producións ou coproducións da canle pública.
Ademais de O sabor das margaridas, refírese á Auga seca, coa que debutou en galego HBO, ou Tres camiños, que está por estrear. Destaca tamén que en series como A desorde que deixas, de Netflix, o 85 por cento do equipo creativo e técnico é galego.