CRTVG

Buscar

O novo test de anticorpos desenvolvido polo CSIC ten unha fiabilidade do 99 %

Publicado o 05/02/2021 13:55

Mediante un kit moi sinxelo, calquera persoa pode tomar unha mostra. Unha pinga de sangue que se envía ao laboratorio para un resultado en 24 horas, cunha fiabilidade do 99 por cento.

Balbino Alarcón, inmunólogo e investigador do CSIC di que "serve para determinar se unha persoa pasou a enfermidade e ten anticorpos".

A novidade deste sistema ultrasensible desenvolvido por investigadores do CSIC, é que se basea na proteína spike completa do virus. Permite detectar maior variedade de anticorpos, discernir entre os distintos tipos, e tamén medir a súa cantidade.

"Creo que é especialmente interesante para seguir a resposta inmunitaria ás persoas que están sendo vacinadas", explica Alarcón, quen di que así se poderá coñecer a súa produción de anticorpos e predicir se a vacina está a ser eficaz. 

De forma que o test tamén servirá para determinar se unha vacina é superior a outra, ou para decidir que fracción da poboación debe ser priorizada para a vacinación, segundo o seu grao de inmunidade. A súa comercialización está prevista para mediados deste mes.

Noticias web

05/02/2021