Xunta e hostaleiros confían en que o TSXG permita aplicar a norma do ocio nocturno
• O comité clínico analiza o acordo entre a Xunta e o sector
• Os locais poderán abrir ata as 4:00 e con máis ocupación esixindo certificado covid para entrar
O comité clínico que asesora a Sanidade vai analizar esta tarde o novo protocolo para o ocio nocturno. Este documento enviarase ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que avale poder usar o pasaporte covid para entrar nos locais.
Como na hostalería, haberá dous niveis. No de máis compromiso, poderán abrir ata as 4 da madrugada e ocupar o cen por cento no exterior e o 75 % no interior, sempre e cando pidan aos seus clientes o certificado de vacinación.
No outro nivel, os que opten por non pedir ese certificado, poderán abrir, como ata a de agora, ata as 3 e cunha ocupación do 75 por cento no exterior e o 50 por cento no interior.
Este novo protocolo entraría en vigor esta fin de semana, logo da súa aprobación polo comité clínico, que se reúne hoxe, e a posterior autorización da xustiza galega para solicitar o certificado covid aos clientes
Unha vez o comité clínico dea luz verde ao novo protocolo do ocio nocturno, este será remitido ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a súa avaliación.
"Cremos que a proposta que facemos cumpre de xeito fiel o que a propia sentenza do Supremo recolle e esperamos o aval ou as consideracións que o TSXG estime oportuno; no caso de ser así, esperamos poder poñelo en práctica canto antes, se pode ser esta fin de semana estupendo, se non, no primeiro momento que poidamos!", di Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
Un protocolo moi agardado polo sector do ocio nocturno, que ve con bos ollos solicitar o certificado covid para entrar nos seus locais e que demandaba esixir este documento. "Os facultativos tamén nos trasladan que é moito máis seguro a xente nos nosos espazos vacinada que sen estar vacinada, unha vez máis o ocio nocturno tende a man á Administración para traballar con seguridade. Estamos satisfeitos e estamos contentos de conseguir un protocolo que polo menos lle dea estabilidade ao sector e que non dependamos da incidencia para que nos volvan pechar os locais", explica Luis Diz, presidente de Galicia de Noite e responsable dunha sala coruñesa.
Ademais da esixencia do certificado, o protocolo tamén inclúe diferenzas entre os dous niveis en canto ás medicións de CO2 e á formación dos traballadores.