CRTVG

Buscar

O novo modelo galego de residencias fixa unidades de convivencia de 25 persoas

Publicado o 16/10/2021 13:20

A Xunta ultima o novo modelo de residencias de maiores que se vai implantar o ano que vén e que pretende converter estes centros en pequenos fogares para os residentes. Os grupos de convivencia non poderán superar as 25 persoas. O obxectivo é mellorar a súa calidade de vida e tamén protexelos de gromos de enfermidades infecciosas.

Anunciouno o presidente da Xunta esta semana durante do debate do estado da autonomía e esta mañá, na Televisión de Galicia, o director xeral de atención integral sociosanitaria, Antonio Acevedo, reiterou que é o momento de dar un paso adiante para intentar que as residencias de maiores sexan o máis parecido a un fogar. Por iso, a partir de 2022, nos centros novos, os residentes convivirán en grupos de 25 persoas como máximo.

"Non van a un comedor onde pode haber 100 persoas, senón que van facer a súa vida máis íntima, nun núcleo máis pequeno, que son esas 25 prazas máximo, onde van ter os seus espazos de esparexemento, onde van ter o seu comedor persoal, onde van poder acceder as familias e convivir un pouco, para que se parezan máis a fogares que a institucións máis grandes como vimos ata o de agora" di Acevedo.

A Xunta non quere que a pandemia condicione un modelo que estará vixente 20 ou 30 anos, pero con estes grupos máis reducidos tamén se protexe os maiores fronte a enfermidades infecciosas. Ademais, prevese crear unidades de coidados intermedios, que servirán para facer a transición entre un ingreso hospitalario e a casa ou a residencia.

"Pois unha fractura de cadeira, por exemplo, no hospital, ao que se lle podía axudar xa se fixo pero precisa coidados de rehabilitación, fisioterapia e non pode ser asumido pola súa familia ou na residencia", engade.

A reforma inclúe unha demanda do sector: plans de formación continua dos profesionais, nos que se poden implicar todos os centros, tanto os de nova construción coma os xa existentes.

Noticias web

16/10/2021