O novo DNI europeo é máis seguro e poderá levarse no teléfono móbil
O próximo 2 de agosto remata o prazo dado pola Unión Europea para que os países membros implanten o novo DNI 4.0, que será igual para os cidadáns dos 27 Estados comunitarios.
O novo documento de identidade, o novo DNI europeo, incorpora a bandeira azul coas 12 estrelas amarelas da Unión Europea na parte superior esquerda xunto á bandeira e o nome oficial do país de orixe do titular.
Amais do español, utiliza outro idioma oficial comunitario, nos expedidos en España será o inglés, para indicar que é o documento de identidade. O novo DNI ten as mesmas dimensións que o actual, pero introduce elementos de seguridade de última xeración para dificultar a súa falsificación.
"Mellora, digamos, as medidas de seguridade anteriores, que son de tipo de tinta ovi que é opticamente variable, de tipo de impresión offset e tamén de microimpresión". Permitirá viaxar por todo o continente e introduce medidas de seguridade que dificultan a súa falsificación.
Ten maior capacidade de almacenaxe no chip do reverso e servirá para demostrar a identidade dixital dos cidadáns en xestións burocráticas, pagamento de impostos ou multas e compras por Internet.
Axiña estará lista unha aplicación que permitirá levalo no móbil. "A normativa española obriga a todos os cidadáns a ir plenamente identificados, por tanto no momento en que levemos ese DNI electrónico no móbil imos ir plenamente identificados. Pero non só iso, vainos permitir levar tamén a sinatura dixital".
O próximo 2 de agosto é a data límite establecida por Bruxelas para a implantación do novo DNI con formato europeo nos 27 países membros, pero todos os expedidos anteriormente serán plenamente vixentes ata que caduquen.