CRTVG

Buscar

O novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, toma posesión do cargo o luns

Publicado o 17/10/2021 20:20

A negociación do financiamento autonómico será unha das cuestións que ocuparán o novo conselleiro de Facenda. Miguel Corgos tomará posesión do seu cargo este luns.

Miguel Corgos era unha das persoas máis próximas a Valeriano Martínez. A súa elección representa unha aposta pola continuidade e polo perfil técnico. Foi director xeral de Orzamentos desde o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo, desde o ano 2009. Esa experiencia é un dos seus mellores avais, segundo dixo este domingo o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na Radio Galega.

"Foi o encargado de facelos (os orzamentos) cos respectivos e sucesivos conselleiros durante moitos anos, desde o ano 2009, e tamén coñece e é un experto en financiamento europeo e en planificación pública. Creo que nestes momentos, nos que as contas públicas son tan importantes para a recuperación, ter un experto con experiencia á fronte delas, que ademais vai darlle continuidade ao labor de Valeriano Martínez era fundamental".

Corgos tomará posesión do seu cargo mañá luns, o día en que a Xunta ten previsto aprobar o proxecto de orzamentos para o ano que vén, unhas contas nas que el asumiu un papel crucial.