"O noso principal obxectivo é trasladar que outra realidade para a térmica das Pontes é viable"
Os traballadores acoden á reunión no Ministerio de Transición Ecolóxica cunha proposta en que traballaron nas últimas xornadas que buscan garantías para o emprego e o futuro da central das Pontes. Esas garantías pasan pola descarbonización, máis acorde coas esixencias ambientais que chegan da UE.
Marcos Prieto, vicepresidente do comité de empresa, defende esa proposta e asegura que "o noso principal obxectivo é trasladar que outra realidade para a térmica das Pontes é viable, nunha contorna de economía circular, dotando de recursos e ordenación o monte galego, aproveitando refugallos de depuradoras, e das granxas de galiñas, de porcos e vacas, sobre todo, e dando solución a problemas que temos en Galicia".
"A vantaxe que lle vemos a este proxecto é que pode fixar o traballo na central, e ao mesmo tempo vincular a outros sectores de Galicia con moitos problemas", asegura.
Nesta solución, cren desde o comité de empresa, que se deben implicar a todas as partes empezando pola propia empresa: "A loita contra o cambio climático é un problema de todos. Necesitamos que Endesa se comprometa a profundizar no proxecto. Levamos meses facendo probas, e o único que lle pedimos a empresa é que continúe nesta liña porque está dando resultados moi satisfactorios".
Pero tamén as administracións teñen un papel que xogar: "Á administración galega é a que ten a competencia na xestión de residuos, e o que lle pedimos é unha liña de coordinación para artellar este sistema, e ao Goberno central que nos coordine coa empresa, que lle bote unha man a Endesa".