CRTVG

Buscar

O norte de Galicia ten a maior densidade mundial de lobos

Publicado o 09/06/2021 20:26

Con entre cinco e once exemplares por cada 100 quilómetros cadrados, o norte da provincia de Lugo é a zona do mundo con maior densidade de lobos. É a conclusión dun estudo realizado por expertos en poboacións de lobos ao longo dos últimos dous anos.

O estudo da Universidade de Santiago fala de 22 grupos potencialmente reprodutores presentes en territorio galego e outras investigacións cifran en case 800 o número de exemplares en Galicia. É decir, na nosa comunidade hai máis lobos que en toda Francia ou que en toda Alemaña. Por iso, as organizacións gandeiras cren que é o momento de implementar medidas máis aló da caza, ben para protexer os animais fronte aos ataques do lobo, ben para convivir con este.

O estudo, publicado na revista do IBADER, realizouse sobre 2.900 quilómetros cadrados no triángulo entre Ribadeo, Vilalba e Monfero. Detectáronse 16 mandas, que supoñen o 73% do total de lobos en Galicia. Investigacións anteriores detectaron presenza fixa ou ocasional de lobo no 94% do territorio galego. Con preto de 800 exemplares, Galicia ten máis lobos que Francia, onde hai 580 e encabeza de lonxe a clasificación en España. Unhas cifras que levan os gandeiros a solicitar plans de actuación.

"É o momento de insistir en medidas preventivas, no pagamento dos danos en tempo e xustiza e que todo iso se faga con fondos europeos, como indica a Comisión", defende  Joan Alibés. da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Ao ano denúncianse en Galicia arredor de 2.000 ataques de lobos ao gando, pero as organizacións agrarias din que a maioría de casos quedan sen denunciar. A gandería extensiva é a que máis baixas sofre e por iso piden un maior investimento en investigación para desenvolver medidas de protección para o seu gando e que o custo da convivencia co lobo non recaia só no peto dos gandeiros. "Neses países xa levan anos apostando porque o custo da convivencia o asuma a Administración como representante da sociedade", asegura Alibés. 

En Galicia xa hai proxectos de investigación sobre a eficacia dos peches de terreos e do uso de mastíns como medidas de protección fronte ao lobo.

Noticias web

09/06/2021