O naval de Ferrol pídelle á Xunta iniciativas propias para afrontar a crise do sector

Representantes sindicais do sector naval concentráronse este xoves ante a sede ferrolá da Xunta de Galicia para pedirlle que propoña ao Goberno central medidas contra a escaseza de traballo nos estaleiros e, ao mesmo tempo, actúe con iniciativas propias.
O portavoz de CC OO no comité de Navantia Ferrol, Miguel Pol, asegurou que o Executivo galego "ten máis potestades das que lle gusta recoñecer". Neste sentido, subliñou que se deben "solicitar fondos europeos" para a planta.
O representante sindical instou a suxerirlle ao Estado proxectos de relanzamento de Navantia na ría de Ferrol, pero tamén emprazou o Goberno autonómico a propicialos "eles mesmos".
Lembrou que a vindeira semana abandonará as instalacións o último barco en execución, encargado pola Armada de Australia. Coincidindo con ese fito, os comités de empresa de Navantia en Ferrol e Fene realizarán unha marcha reivindicativa ao redor da ría.
Nun escrito presentado na sede da Xunta, as centrais solicitaron unha xuntanza co vicepresidente económico, Francisco Conde, para abordar a crise do sector naval.
No texto reclaman "investimentos na fabricación da nova planta de Navantia Ferrol" coa dotación dun dique cuberto. Tamén piden a potenciación das áreas de Turbinas e Reparacións e do estaleiro de Fene, ademais da transformación do buque "Galicia" no complexo ferrolán.
O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey, pedíulle á cidadanía que participe nas accións de presión convocadas para a vindeira semana. "Parécennos ben todos os proxectos de futuro, pero o barco marcha a semana que vén e seguimos sen ter obra", declarou aos medios.
Por esta razón, insistiu na necesidade de achegar "un parche", ata o inicio das fragatas F-110 para a Armada Española, coa contratación dun novo barco.