Os investigadores agardan extraer información do narcosubmarino interceptado no Morrazo
Aínda que estaba previsto o seu traslado ás instalacións da Armada en Marín, finalmente o narcosubmarino foi transportado a Vigo para minimizar o impacto sobre o tráfico. Foi a solución máis viable para un traslado a priori complicado polo tamaño do somerxible. De madrugada chegaba ás instalacións da Zona Franca en Bouzas.
Será alí onde un equipo de criminalística se encargue de inspeccionalo. Un estudo exhaustivo na procura de datos que proporcionen máis luz sobre a súa fabricación, a orixe e o destino da droga, cal foi a ruta que seguiu e se precisou ou non apoio doutras embarcacións.
Os investigadores tentarán ademais recabar probas forenses no interior do submarino que axuden a dar co paradoiro do tripulante que conseguiu fuxir. Búscano os membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que traballan de xeito coordinado. Os 152 fardos incautados, uns tres mil quilos de cocaína cun valor no mercado de 100 millóns de euros, permanecen depositados na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra á espera de que o xulgado ordene a súa destrucción.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou este xoves que o narcosubmarino permanecerá en Vigo á espera de indicacións xudiciais.
O submarino atópase vixiado por efectivos das forzas de seguridade e ao dispor do xulgado de instrución número 1 de Cangas, encargado da investigación.
"Está depositado alí e vixiado para que os servizos de criminoloxía empecen a traballar", indicou Javier Losada.
Con todo, lembrou que a investigación é "secreta" polo que deberá ser a xuíza responsable de Cangas a que vaia indicando "os pasos que hai que seguir dando na evolución deste expediente".
O xa histórico narcosubmarino espertou o interese dos veciños de Aldán, e a expectación no porto foi grande desde onte. Moitos foron os que se achegaron este mércores para velo de cerca e opinar sobre el, non sen certa retranca.
Operación histórica
Este mércores coñecimos os detalles da operación policial que rematou co descubrimento do narcosubmarino afundido na ria de Aldán. É una operación que comezou o xoves pasado e en que participaron 240 axentes. O sábado, de noite, descubriron o somerxible, o primeiro apresado nas costas europeas despois de cruzar, presumiblemente, o Atlántico.
Levaba a bordo 152 fardos, uns tres mil quilos de cocaína que permanecen depositados na Comandancia civil de Pontevedra á espera de que o xuíz ordene a súa destrución.
"Estamos falando, di o delegado do Goberno en Galicia, de cen millóns de euros retirados do mercado".
A bordo ían tres tripulantes. Dous, de nacionalidade ecuatoriana, foron detidos e xa están no cárcere da Lama. O terceiro, conseguiu fuxir.
"Non é ecuatoriano", asegurou Javier Losada.
É unha operación que marcará, segundo o delegado do Goberno, un antes e un despois, na loita europea contra o narcotráfico, porque a policia europea xa sabe que a droga pode ser transportada en artefactos coma este.
O somerxible será sometido a un exhaustivo estudo para recabar probas de ADN, e para coñecer os detalles da súa fabricación e características técnicas. A investigación, baixo segredo de sumario, segue aberta. O obxectivo é descubrir a orixe da droga, os medios que empregaron para chegar aquí e, sobre todo, os destinatarios. Non se descarta ningunha posibilidade.