O Nadal máis seguro, só entre conviventes nas celebracións
"Non podemos considerar en ningún caso o domicilio dos nosos familiares un contorno libre de covid, creo que hai unha porcentaxe da poboación que o ten claro e que fai plans en función diso pero probablemente hai que traballar máis nese concienciación", asegura a xefa de Medicina Preventiva do complexo hospitalario da Coruña.
María Xosé Pereira cre que a suavización das restricións sumada á fatiga pandémica puido animar á relaxación. Pero a doutora Pereira lembra que o virus segue aí e non distingue datas nin de celebracións familiares.
"Que imos ter unha repunta no mes de xaneiro e febreiro, creo que o asumimos todos, a poboación tamén o asume. O importante é ter en consideración que o noso comportamento vai determinar de que magnitude vai ser ese incremento de casos. Se nós intentamos ser razoables e seguir todas a recomendacions nas vindeiras datas probablemente a situación de xaneiro sexa mellor do que nós tememos nestes momentos".
Non descarta que o comezo inminente da campaña de vacinación inflúa nalgunhas actitudes, pero lembra que o impacto da vacina no conxunto da poboación será a moi longo prazo. Por iso insiste, o escenario ideal serán as celebracións só entre persoas que convivan, en espazos ventilados, con máscara, sen compartir alimentos, sen cantos e sen abrazos.
"Intentar diminuír o contacto físico é triste, moi triste, pero temos que facelo así se nos queremos protexer a todos pero sobre todo se queremos protexer as persoas vulnerables, malia o duro que poida parecer", insiste a xefa de Medicina Preventiva do CHUAC