CRTVG

Buscar

O Nadal en Mallorca será con seis persoas na mesa e toque de queda ás 10 da noite

Publicado o 14/12/2020 17:02
O Nadal en Mallorca será con seis persoas na mesa e toque de queda ás 10 da noite

Mallorca entra mañá martes en situación de risco extremo polo coronavirus e pasa a nivel 4, o máximo, polo que en Noiteboa só poderán reunirse un máximo de 6 persoas, menores incluídos, de dous núcleos de convivencia distintos (por exemplo, unha avoa e a familia dun fillo). 

O peche de bares e restaurantes será, polo menos durante as dúas próximas semanas, ás seis da tarde os venres e sábados e as vésperas de festivos para evitar o popular tardeo, aínda que o servizo a domicilio estará permitido ata as 12 da noite. O resto de días a persiana botarase ás dez.

Ás dez da noite, tamén a Noiteboa, todos os cidadáns de Mallorca deberán estar na casa, salvo os que teñan que moverse por motivos laborais. 

O executivo impuxo o máximo nivel de risco en Mallorca ante o avance dos contaxios pola covid-19. 

As cifras en Mallorca e nas Baleares son "moi preocupantes". A finais de novembro a incidencia nas Baleares de casos de coronavirus situábase xusto por baixo dos 200 casos por 100.000 habitantes a 14 días vista. Onte domingo foi de 336 e a próxima semana podería superar os 400. A pesar de todo, o Govern permitirá que a Noiteboa a celebren 6 persoas de dous núcleos familiares distintos para que, por exemplo, as persoas maiores non estean soas.

Copiar