CRTVG

Buscar

O mozo atropelado á saída dunha discoteca en Santiago recupérase das súas feridas

Publicado o 04/10/2021 14:32

As aglomeracións de xente nas rúas tras o peche das discotecas acabou na madrugada do domingo co atropelo dun mozo de 19 anos. Un vehículo que estaba a ser perseguido pola Policía Nacional entrou a toda velocidade por esta rúa Alfredo Brañas, en que se congregan os que saen dunha discoteca próxima. Malia as chamadas de atención para que reducira a marcha, acabou levando por diante un mozo, tal e como relatou unha testemuña.

O condutor fuxiu, se ben ante a súa inminente detención entregouse horas despois na Policía Local. O mozo ferido, estudante do grao de Educación Primaria, foi trasladado en estado grave ao Complexo Hospitalario de Santiago, onde, xa fóra de perigo, se recupera das lesións sufridas, nunha perna e na cara.

Pouco despois, na mesma rúa, os veciños gravaban o que segundo afirman xa é algo habitual. Nas imaxes vese como varios mozos se enfrontan a un axente da policía. Unha vez que a patrulla abandona o lugar, desencadéase unha liorta entre eles con puñadas; varios acaban a rolos pola beirarrúa. Finalmente, e mentres continúan os insultos, un dos grupos implicados refúxiase nun garaxe.

Comportamentos, ruídos e incidentes que incrementan noite tras noite o malestar dos veciños desta rúa compostelá.

Noticias web

04/10/2021