CRTVG

Buscar

O movemento indíxena, preparado para radicalizar as protestas no Ecuador

Publicado o 11/10/2019 10:00

Os líderes organízanse na Casa da Cultura de Quito para radicalizar as protestas contra o Goberno. 

Denuncian os indíxenas que cinco dos seus morreron pola dureza da represión das forzas de seguridade, unha cifra de mortos que o Executivo de Lenín Moreno rebaixa a dous.

Nas últimas horas o Ministerio de Interior informou da liberación de varios policías e 27 xornalistas que supostamente foran retidos polos manifestantes. 

Decenas de miles de indíxenas pasan a noite acampados nas inmediacións da Casa da Cultura de Quito, onde onte instalaron a capela ardente polos compañeiros mortos durante os enfrontamentos coa policía, destes días pasados.

A última das cinco vítimas, a de onte, é un líder do movemento. Acusan o Goberno de ocultar información por reducir a cifra a dous.

A ministra do Interior, que nas últimas horas pediu desculpas polo excesivo uso da forza por parte da policía, acaba de informar da liberación dos axentes e xornalistas, máis de trinta persoas en total, que un grupo de manifestantes indíxenas retiveran no interior do pavillón.

"Xa todos están en camiño do hospital, onde van ser avaliados", explicou nunha conferencia de prensa María Paula Romo.

A Defensoría do Pobo conta xa 929 detidos e 554 feridos na revolta, mentres a poboación denuncia a crecente inseguridade.

"Houbo violencia e saqueos e non me parece xusto que todo un pobo sufra as consecuencias porque un goberno non está actuando ben", comenta unha veciña de Guayaquil.

Os gobernos do Perú e Chile asinaron un documento en apoio do presidente Lenín Moreno; mentres desde Venezuela, Nicolás Maduro di que se trata dunha revolta civil histórica contra o FMI por querer impoñer modelos do capitalismo salvaxe.

Noticias web

11/10/2019