CRTVG

Buscar

O movemento feminista sae á rúa de urxencia tras a repunta de asasinatos machistas

Publicado o 11/06/2021 10:20
O movemento feminista sae á rúa de urxencia tras a repunta de asasinatos machistas

O movemento feminista convocou concentracións esta noite, ás 22:00 horas, fronte aos concellos das vilas e cidades de todo o país tras a repunta de asasinatos machistas.

"Imos tirar", "Nin unha menos", "Se nos tocan a unha, tócannos a todas" son os lemas desta "convocatoria de urxencia", que se puxo en marcha logo da localización no fondo do mar da menor de seis anos secuestrada polo seu pai e de coñecerse o asasinato dunha menor de 17 anos en Martín de la Jara (Sevilla) a mans da súa exparella.

Desde o final do estado de alarma está a rexistrarse unha repunta de feminicidios: a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou a natureza machista dos asasinatos de nove mulleres e un menor, máis da metade de todos os asasinatos perpetrados no 2021.

No que vai de ano, 17 mulleres e dous menores foron asasinados en crimes de xénero. Son 1.095 as mulleres vítimas mortais da violencia machista no ámbito da parella desde 2003 e 39 os menores asasinados polos seus pais ou polas parellas ou exparellas das súas nais desde 2013. Nesas estatísticas aínda non figuran a pequena Olivia nin a menor de 17 anos asasinada en Sevilla, Rocío Caíz.

Atención ás vítimas

O 016 atende todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es. Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016.

 

Noticias web

11/06/2021