CRTVG

Buscar

O motorista causante dun dobre atropelo en Poio dá positivo en drogas

Publicado o 11/05/2020 21:28
O motorista causante dun dobre atropelo en Poio dá positivo en drogas

Un home de 36 anos deu positivo por drogas tras atropelar coa súa moto dúas mozas, de 21 e 18 anos, que cruzaban por un paso de peóns no municipio pontevedrés de Poio.

Segundo informou o 112 Galicia, o accidente produciuse sobre as seis da tarde na PO-308, na avenida da Barca.

As dúas mozas foron trasladadas ao hospital Montecelo de Pontevedra por persoal sanitario do 061. Unha delas, explican as autoridades locais, tiña unha ferida na cabeza e a outra sufriu varios golpes e mazaduras no atropelo.

A principal hipótese que manexan os investigadores é que o accidente se produciu por unha velocidade excesiva do motorista, que a pesar de frear ao ver a ambas cruzar non puido deterse a tempo.

A Policía Local, neste sentido, confirmou que investiga o condutor da moto por un delito de imprudencia grave con resultado de lesións.

Ao lugar do accidente trasladáronse os bombeiros do Salnés e Pontevedra, membros do servizo municipal de emerxencias de Sanxenxo, axentes da Policía Local de Poio e efectivos de Protección Civil.