A automoción galega aspira a obter 1.300 millóns dos fondos europeos cos que crear 900 empregos
O sector da automoción en Galicia aspira a captar 1.300 millóns de euros dos fondos europeos destinados á recuperación económica da pandemia de coronavirus. Con eles, quere favorecer a creación de 900 empregos.
Este mediodía constituíuse en Vigo o grupo de traballo para perfilar eses proxectos, que se aglutinarán baixo o nome Autoancora, que consta de cinco proxectos independentes pero cunha finalidade compartida, a transformación do sector e a súa adaptación aos desafíos da nova mobilidade.
A folla de ruta de Autoancora céntrase na atracción de investimentos para mellorar a competitividade e impulsar a dixitalización das fábricas, o aproveitamento dos fluxos loxísticos para abaratar custos, a innovación da produción de vehículos e de compoñentes e a formación do persoal en habilidades dixitais e tecnolóxicas.
Adicionalmente, o centro tecnolóxico CTAG desenvolverá senllos laboratorios, un de propulsión con enerxías limpas, con preponderancia do hidróxeno, e outro, un laboratorio pechado para a validación das condicións de rodaxe e probas confidenciais de vehículos autónomos.
Aglomeración de proxectos
O director da planta de PSA en Vigo, Ignacio Bueno, matizou que "da intensidade das axudas" que poida solicitar o sector en Galicia "dependerá se algúns" dos proxectos da estratexia ' Autoancora' "levan a cabo ou non".
Bueno engadiu que esta é "unha aglomeración de proxectos" e cada cal "é susceptible dunha axuda diferente. Non é un si ou non a todo o programa".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que Galicia non ten "medo" á concorrencia competitiva, pero "si a unha distribución política dos fondos europeos non competitiva e discrecional".
"Non temos ningún medo para competir con outros proxectos, senón que non se nos deixe competir", abundou Feijóo, "e o que sexa máis sólido e estea mellor construído, que teña prioridade #ante outros con aval político, pero non técnico".
O presidente da Xunta sinalou que Autoancora é o quinto "proxecto tractor" dos 108 que presentará Galicia ao Goberno como candidatos a recibir financiamento europeo.
Juan Antonio LLoves, presidente de CEAGA, reparou na importancia de tomar "as decisións adecuadas" en cada momento, e engadiu que as que esboza esta folla de roteiro son "claras" e "con fundamento".
Queda fóra a fábrica de baterías
Ao preguntarlle polo proxecto dunha fábrica de baterías en Galicia, indicou que vai "por outra vía" diferente a Autoancora e que hai conversacións para o efecto coa Administración central.
Luís Moreno, director xeral de CTAG, coincidiu cos seus interlocutores en que ante unha "situación disruptiva" como a actual "hai que actuar" e "responder con máis tecnoloxía, unha das grandes solucións".
"Temos que responder rápida e eficazmente a todos eses retos e temos a opción de liderar as innovacións desde Galicia para resolver os problemas de 2030 e darlles unha orientación ibérica", proclamou.
O director da planta de PSA Vigo, Ignacio Bueno, garantiu a colaboración no desenvolvemento e a aplicación dos novos conceptos ao abrigo desta estratexia conxunta do sector, e que permitirá, segundo dixo, "ancorar" en Galicia o actual polo da automoción.