O mosteiro de San Martiño Pinario será declarado ben de interese cultural este xoves
O Consello da Xunta aprobará este xoves o expediente de declaración como ben de interese cultural (BIC) do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. Esta nova protección abarcará tanto o propio inmoble como aos preto de 200 bens que se atopan no seu interior.
Entre os diferentes elementos artísticos e documentais que quedan ao amparo desta protección especial atópanse o fondo bibliográfico, os relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central ou as diferentes coleccións vinculadas ao patrimonio científico e técnico, entre outras.
O consellerio de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou este mércores o recinto, xunto co reitor do Seminario Maior de Santiago, Carlos Álvarez. Alí destacou a axilidade da tramitación deste expediente, iniciado en novembro de 2019 e un ano antes de finalizar o prazo previsto pola Lei de Patrimonio Cultural.
Este expediente conta, ademais, co apoio de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega. Román Rodríguez destacou que este recoñecemento permite dar "un salto no ámbito da protección" coa "posta en valor deste fantástico recinto", tanto "como continente como ao seu contido" que presenta un valor artístico "de altísimo nivel". Con esta declaración, ademais, inclúense todos os bens coa categoría de "catalogados" e contarán "cunha protección específica" que se engloba dentro dun mesmo expediente.
O reitor do Seminario Maior de Santiago, Carlos Álvarez, trasladou o seu agradecemento polo esforzo realizado e a "coordinación" coa administración, que sempre "facilitou" e "apoiou" para lograr concluír este proceso.