O Morriña Fest súmase ao circuito festivaleiro do verán galego
A música da banda colombiana Morat chega esta noite ao concello de Culleredo na primeira edición do Morriña Fest. Desde primeira hora da tarde, as fans da banda colombiana Morat agardaban ás portas do recinto do Morriña Fest, no paseo marítimo do Burgo. Un festival que no seu ano de estrea conta cun cartel que mestura artistas consolidados e en auxe.
Para garantir as medidas de seguridade, o recinto está dividido por sectores con diferentes entradas para evitar aglomeracións. O público poderá acceder por orde de chegada. Unha vez dentro sentarase por grupos burbulla dun máximo de catro persoas.
O Morriña Fest aspira a consolidarse como unha das citas musicais do verán. Os próximos en subirse ao escenario do festival serán Amaral, este domingo. A semana vindeira pasarán por aquí Lola Índigo, Chica Sobresalto, La Moda e rematará o día 29 co concerto de Love of Lesbian.