CRTVG

Buscar

O misterio das películas ocultas nas rúas de Ourense

Publicado o 09/02/2021 16:09

Un perfil anónimo de Instagram, El séptimo Hype, que nega ser o promotor da iniciativa, guíanos neste percorrido cinematográfico polas rúas de Ourense. Hai que fixarse nos sitios máis insospeitados.

"A ver? Pois a verdade é que non tiña nin idea, e sorpréndeme moito porque non o vira nunca", di un viandante.

A Wall E atopámolo nun colector do lixo... representando o seu papel baixo a atenta mirada de Castelao: "Está ben para concienciar a xente e iso, a verdade".

Na ponte das Burgas, un dos protagonistas de Parásitos advírtenos de que a vida non responde a ningún plan... e tras un sinal de tráfico, é Jack Nicholson quen nos interpela...

"Home, pola foto, a expresión non é moi agradable, así que imaxino que será unha acción de protesta, pero non teño moi clara a mensaxe, a verdade", comenta unha muller.

Seguimos o percorrido na procura de Terminator, que xa abandonou o presente, e viaxamos un pouco máis alá no tempo, ata un recóndito lugar na praza de San Marcial...
Están distribuídos por toda a cidade, en lugares pouco visibles, como a fonte da praza de San Marcial, na zona histórica de Ourense. Pasan inadvertidos para a maioría dos cidadáns, pero non para o colectivo El Séptimo Hype, que os ten documentados na súa páxina de Instagram. Teñen catalogados máis de 130, pero algúns xa desapareceron do seu lugar orixinal, como comprobamos esta mañá cando intentamos seguir o rastro

"Non vexo moi ben de lonxe, pero parece O Planeta dos Simios, ou algo así... Nin idea, non sei se forma parte dalgún tipo de xogo, reivindicación... non sei se hai máis pola cidade...", di unha moza.

Ninguén reivindicou a autoría, descoñecemos cal é o propósito, e buscamos unha opinión especializada.

Manuel Precedo, presidente do Cineclube Padre Feijoo: "Poñer unha representación gráfica dunha película e unha frase, supoño que para interactuar cos paseantes. Paréceme interesante".

Tamén xira o debate sobre a conveniencia da localización, sobre mobiliario público, quizais a razón pola que moitas escenas están desaparecendo.

Noticias web

09/02/2021