CRTVG

Buscar

O Ministerio rexistra máis de 23.500 casos de covid-19 esta fin de semana

Publicado o 31/08/2020 18:01

O Ministerio de Sanidade rexistrou 23.572 casos de covid-19 esta fin de semana, dos cales 2.489 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, en comparación cos 3.829 do pasado venres, segundo informou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.

"Son cifras que seguen sendo altas, pero que hai que contextualizalas nun marco de detección de casos, dos cales son moitos asintomáticos", dixo Simón, quen lembrou que o 50 por cento dos novos diagnósticos son persoas asintomáticas e máis da metade teñen menos de 40 anos.

Por outra banda, produciuse un aumento no número de mortes na última semana; pasouse das 129 rexistradas o venres ás 141 de hoxe. A cifra total de falecidos por COVID-19 en España sitúase nas 29.094 persoas.

Neste sentido, Simón informou de que máis do 50 por cento teñen máis de 85 anos e a práctica totalidade teñen máis de 65 anos. Ademais, nos últimos 7 días rexistráronse 1.656 ingresos hospitalarios (134.231 desde que o virus chegou a España) e 133 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), e son 12.312 as persoas que foron ingresadas nestas unidades desde que comezou a pandemia.

 

Coa volta aos colexios no centro das olladas, lembran que a hospitalización dos pequenos desde marzo é case anecdótica e que a transmisión entre os nenos é moi baixa.

Sabor agridoce no mes de agosto. Por un lado, vanse controlando os gromos no ámbito social e mesmo comezan a reducirse os relacionados co ocio nocturno. As restricións impostas dan resultado. Pero por outras banda, subiron notablemente os casos positivos. Ese aumento no número de contaxios tradúcese nun incremento da transmisión comunitaria. Di Simón que era esperable pero tamén previsible que fose máis tarde. Por todo isto non cansan de insistir na importancia do cumprimento das medidas de hixiene e seguridade.

En Valencia, a Consellería de Saúde decretou o confinamento do concello de Benigànim polo incremento acelerado de positivos. A incidencia multiplicouse por trinta en cuestión de días. Durante dúas semanas, non se poderá entrar nin saír do municipio sen causa xustificada, as clases presenciais quedan suspendidas e pechan centros sociais e hostalería.

Nas Baleares, Mallorca segue no punto de mira cunha residencia de maiores onde faleceron dúas persoas e se contabilizan xa 75 contaxios nas últimas horas, uns 20 sanitarios e o resto usuarios do centro.

Noticias web

31/08/2020