CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 19.979 casos de covid−19 e 401 mortes máis na fin de semana

Publicado o 30/11/2020 18:31

• A taxa media de contaxios en España nos últimos 14 días segue reducíndose

• Novembro foi o segundo mes con máis mortes por mor do virus, por detrás de abril

O Ministerio de Sanidade notificou 19.979 casos de covid−19 esta fin de semana, dos que 1.959 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, en comparación cos 5.008 do pasado venres.

Desta forma, en total xa se diagnosticaron de covid−19 1.648.187 persoas en España.

A taxa media de contaxios nos últimos 14 días segue reducíndose e sitúase na actualidade nos 275,51 casos por cada 100.000 habitantes.

Respecto ás mortes, o novo informe publicado polo departamento que dirixe Salvador Illa rexistra 401 falecidos máis que o venres, 943 na última semana.

En total xa son 45.069 as persoas que faleceron por covid−19 en España, segundo os datos oficiais. Novembro foi o segundo mes con máis mortes por mor do virus, por detrás de abril.

Actualmente hai 14.503 pacientes ingresados,  2.629 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas houbo 943 ingresos e 573 altas.

Ademais, na última semana 2.668 persoas ingresaron nun hospital como consecuencia da infección provocada polo contaxio do coronavirus e 236 nunha UCI.

A taxa de camas ocupadas por coronavirus sitúase xa no 11,85 % e na UCI no 26,74 %

A pesar desta tendencia á baixa dos contaxios, as cifras non son suficientes para pasar un Nadal sen restricións, ao superárense en moitas comunidades os 1.000 novos positivos diarios. Menos aínda despois de ver as aglomeracións da fin de semana en moitas cidades españolas.

A letalidade hospitalaria pola covid−19 caeu nesta segunda vaga da epidemia un terzo respecto á primeira. Aínda que aumentou en outubro e novembro, segue sendo un 40 % inferior á rexistrada na primavera. A experiencia adquirida no manexo dos pacientes e a mellora nos tratamentos son factores que puideron influir neste xiro positivo.