CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 10.764 novos contaxios e detecta unha retardación de positivos

Publicado o 10/09/2020 19:06

O Ministerio de Sanidade notificou este xoves 10.764 casos de coronavirus, 4.137 nas últimas 24 horas, en comparación cos 4.410 do mércores. Elévase a cifra total de persoas infectadas en España ata as 554.143.

Así mesmo, o departamento que dirixe Salvador Illa notificou hoxe 71 falecidos máis pola covid−19, 249 na última semana, a maioría na Comunidade de Madrid.

Polo tanto, a cifra global de falecementos por mor do virus en España sitúase nas 29.699 persoas.

Actualmente hai 8.401 pacientes ingresados pola covid−19 en toda España e 1.136 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas se produciron 1.141 ingresos e 969 altas.

En conferencia de prensa, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, explicou que, con todo, xa se observa unha retardación do crecemento dos contaxios, e na metade das provincias estabilizáronse os positivos ou xa están en fase de descenso.

Ademais, e "sen botar as campás ao voo", Simón destacou o descenso acusado da letalidade en España, unha das máis baixas de Europa xunto con Alemaña. 

Nas últimas semanas España e Alemaña son os países cunha letalidade máis baixa, un 0,6 e un 0,4 por cento respectivamente. Aínda que seguimos tendo unha incidencia importante de casos, o impacto é menor que noutros países da nosa contorna. Unha mortalidade que baixa ao coñecer mellor a pandemia e pola identificación dun maior número de casos.

Simón salientou que todas as comunidades autónomas están aumentando as PCR, o cal beneficia na rápida detección de novos positivos. Lideramos na Unión Europea a taxa deste tipo de probas, xa por diante de Alemaña. 

A pesar dos datos positivos, desde Sanidade chaman á prudencia. A volta ao cole e ao traballopodería supoñer unha nova vaga de repuntas, e por esa razón volven facer un chamamento á responsabilidade en relación coas medidas de seguridade por parte da cidadanía.