CRTVG

Buscar

O Ministerio informa de 1.683 novos casos, un leve descenso fronte ao mércores

Publicado o 06/08/2020 17:52

O Ministerio de Sanidade informou este xoves de que hai 1.683 novos casos de covid-19 en España, o que supón un lixeiro descenso fronte aos 1.772 de onte, que non incluían a Castela-A Mancha e País Vasco.

Porén, as cifras totais desde o inicio da pandemia suman 4.088 casos máis, ata as 309.855 infeccións.

O número total de positivos desde o inicio da pandemia sitúase en 309.855, segundo as cifras oficiais, mentres que 28.500 persoas faleceron con covid-19 en España, 22 delas nos últimos sete días.

Ademais, na última semana producíronse 673 ingresos hospitalarios (127.815 no conxunto da pandemia en España) e 41 en unidades de coidados intensivos (UCI), para un total de 11.841.

Repartición por comunidades

Segundo os datos facilitados a Sanidade polas comunidades, os maiores incrementos de casos séguense producindo en Aragón (328 máis), País Vasco (322) e Madrid (310).

Ademais, nas últimas 24 horas Cataluña informou de 149 casos (3 máis ca onte); Navarra, de 81; Castela e León, de 61; Estremadura, de 38; Galicia, de 35; Asturias, de 34; as Canarias e Castela-A Mancha, de 30, cada unha; a Comunidade Valenciana, de 21; Cantabria, de 19, e A Rioxa, de 5.

Balance da situación do virus en España

En conferencia de prensa, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, manifestou que agora "hai máis detección de casos, o que implica que nos datos vexamos máis casos", e aínda que explicou que segue habendo transmisión, rexeitou que estas cifras se poidan comparar coas de meses previos.

"Estamos a detectar entre o 60 e o 70 por cento das infeccións que hai en España, cando ao principio se detectaba o 10 por cento. Por iso hai que ter coidado ao interpretar estas cifras", recalcou o epidemiólogo.

Simón fixou como obxectivo do Ministerio de Sanidade chegar a setembro coa menor transmisión comunitaria posible, antes de que empecen os colexios e se produza a volta ao traballo.

O experto cifrou nun 50% a porcentaxe de asintomáticos detectados en última semana e destacou a importancia de confirmar estes positivos para illalos e que non produzan casos secundarios.

Revelou tamén Simón que houbo 222 casos importados desde a fin do estado de alarma, un dato que "hai que valorar con moito coidado, pero que representa un número moi pequeno respecto ao número de casos que hai en España".

Por outra banda, a idade media dos contaxiados sitúase nos 43 anos dos homes e os 43 das mulleres, segundo os seus datos.

España é o segundo país con máis positivos por covid-19 de Europa, onde a pandemia contaxiou polo menos a 3.209.475 persoas, con Rusia á cabeza, con 866.627 casos, e co Reino Unido, en terceiro lugar, con 307.184.

En termos mundiais a epidemia afecta 18.354.342 persoas e causou a morte a 701.754. Os Estados Unidos é o país con máis infeccións, 4.748.806, seguido de Brasil, con 2.750.318.