CRTVG

Buscar

O Goberno reparte este mércores as primeiras doses de Janssen tras o aval da EMA

Publicado o 20/04/2021 19:48

• O Goberno recibiu o martes á noite as primeiras 146.000 doses

• A EMA atopa "posible vínculo" de Janssen cos coágulos, pero avala o seu uso

España empezará mañá a repartir as primeiras doses de Janssen unha vez que a compañía xa levantou a súa recomendación de non administrar en Europa a súa vacina tras recibir o aval da Axencia Europea do Medicamento (EMA).

Así o explicou a ministra Carolina Darias na súa comparecencia no Senado, onde coñeceu que a EMA confirmou que, pese ao "posible vínculo" do fármaco co desenvolvemento de coágulos sanguíneos moi raros, o balance entre beneficio e risco deste preparado segue sendo "positivo".

Nada máis acabar, a ministra anunciou que mañá se procede á súa repartición nas comunidades autónomas. As primeiras 146.000 doses chegaron o mércores pasado, e desde aquela permanecen nos almacéns centrais da compañía.

Darias, xunto á directora da AEMPS María Jesús Lamas, recibiu pola noite as primeiras 146.000 doses de Janssen. "É un día en que mostramos a satisfacción por seguir contribuíndo cunha vacina máis, neste caso a de Janssen, para seguir inoculando a toda a cidadanía do noso país. Vacinar, vacinar e vacinar. Ese é o obxectivo do Goberno de España, as comunidades e cidades autónomas", sinalou a ministra. 

A previsión é que cheguen 300.000 en todo o mes de abril. "Nós non paramos nada", resaltou  Darias no Senado, que lembrou que foron as autoridades sanitarias estadounidenses as que paralizaron o seu uso e a propia Johnson & Johnson a que recomendou non aplicar a súa vacina en Europa mentres se dilucidaba a súa relación con seis casos deses coágulos entre case 7 millóns de inmunizados nos Estados Unidos.

A EMA acaba de pronunciarse en "termos parecidos" a como o fixo con AstraZeneca: a axencia atopou ese "posible vínculo", pero segue insistindo en que os seus beneficios son superiores aos riscos.