CRTVG

Buscar

Repuntan os contaxios en España: 21.309 casos e 389 falecidos dende o venres

Publicado o 14/12/2020 18:55

O Ministerio de Sanidade contabilizou 21.309 novos positivos de coronavirus desde o pasado venres. A cifra total de contaxios elévase a 1.751.884, e a incidencia acumulada subiu en catro puntos, ata 193,65 casos por cada 100.000 nos últimos 14 días, mentres que o número de falecidos suma 48.013 tras 389 novos decesos.

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, hai ingresados 117.736 enfermos de covid−19, cunha ocupación hospitalaria do 9,61 % (fronte ao 9,22 % do pasado venres), que no caso das UCI se sitúa no 21,68 %, cando hai tres días era do 21,98 %. Para o director do Centro de Coordinación do Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, oso datos poñen de manifesto que estamos ante unha "situación delicada", e España xa non se atopa ante un período de descenso, senón "nunha posible meseta", e iso "é algo que non nos interesa".

O Goberno mantén de momento o plan aprobado para o Nadal, pero está dsposto a modificalo, de acordo coas comunidade autónomas, se a situación se complica. Os datos da fin de semana son malos, e Sanidade cre que poden empeorar, porque aínda non se contabilizan neles os posibles contaxios derivados da ponte da Constitución. Por iso insisten: aínda que se levanten restricións, non hai que levantar a garda.

Fernando Simón pon en alerta todos os que pensen xuntarse con non conviventes durante as festas do Nadal. Di que desde hoxe mesmo deberían facer un autoconfinamento.

Sanidade considera que a probabilidade dunha terceira vaga da pandemia é alta, e alerta da falsa sensación de seguridade que pode provocar a chegada da vacina. Primeiro, porque a inmunidade non se consegue ata unha semana despois de recibir a segunda dose, e segundo, porque aínda non se sabe cando se conseguirá a inmunidade de rabaño, a da maioría da poboación.