España reduce a corentena a dez días para os contactos estreitos
• Incorpora os tests antixénicos como ferramenta de diagnóstico e cribado
Os contactos estreitos dun positivo en coronavirus poderán reducir a corentena de 14 a dez días. É o acordo ao que chegaron o Goberno e as comunidades autónomas. A Comisión de Saúde Pública tamén aprobou incorporar os novos tests antixénicos como ferramenta para detectar a covid−19.
Algunhas comunidades como Navarra e Cataluña xa aprobaran esta medida. Agora Sanidade e as autonomías acordan extendela a todo o país. De feito, o actual protocolo xa contaba con corentenas reducidas para os contactos estreitos sen síntomas e con PCR negativa ao décimo día. A novidade aprobada agora pola Comisión de Saúde Pública é que se reduce o tempo de illamento sen necesidade de aportar unha PCR negativa aos dez días.
No caso das persoas positivas en coronavirus, o actual protocolo tamén permite rebaixar a corentena a dez días ante a falta de síntomas.
España non é o primeiro país que rebaixa o tempo de corentena. Francia anunciou hai varias semanas a redución de 14 a sete días para os contactos estreitos. E Alemaña estuda rebaixala a cinco. Entre os argumentos, os estudos científicos que apuntan que a capacidade de contaxio a partir do oitavo día é excepcional. E tamén outra realidade: nalgúns sectores as corentenas fanse de xeito irregular.
A Comisión de Saúde Pública tamén aprobou incorporar os novos tests antixénicos como ferramenta para detectar a covid−19.