CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade amplía a capacidade máxima en eventos deportivos

Publicado o 01/09/2021 19:59

• A ocupación será de máximo 60 % en exteriores e 40 % en interiores

EUROPA PRESS

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron este mércores, no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, ampliar a capacidade máxima nos estadios de fútbol ao 60 % e nos pabillóns de baloncesto ao 40 %, ao seren recintos cerrados. Esta nova medida estará en vigor para os partidos que se celebren durante o mes de setembro.   

Así o sinalou en conferencia de prensa a ministra de Sanidade Carolina Darias tras a xuntanza do CISNS en que lembrou que as autoridades competentes poderán establecer unha ocupación inferior ás indicadas en función da evolución da situación epidemiolóxica e mais do impacto das campañas de vacinación. 

A última semana deste mes realizarase unha avaliación da situación. Canto ás medidas que estarán vixentes ata o 30 de setembro e para as que houbo consenso, Sanidade propuxo manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros e os asistentes aos eventos serán preferentemente persoas abonadas e público local.   

Os adestramentos, en cambio, realizaranse preferentemente sen público e, en todo caso, cos límites de ocupación máxima establecidos anteriormente. Sobre a organización dos accesos, manterase o uso controlado dos espazos comúns, que estará suxeito ao control do persoal do evento.

Os organizadores tamén garantirán o persoal suficiente de seguridade a fin de evitar aglomeracións. Para iso, fixaranse franxas horarias para o acceso graduado do público por zonas e sectores, comezando por aqueles máis afastados da saída. Para a saída, o procedemento será inverso.   

Así mesmo, reforzarase a vixilancia do cumprimento da obrigatoriedade do uso de máscara durante a permanencia no evento e tamén nos momentos de entrada e saída.   

No tocante ao consumo de bebida e comida, non estará permitido durante a celebración do evento deportivo e, excepcionalmente, poderase permitir o consumo de auga. Tamén estará prohibido o consumo de tabaco e produtos relacionados.   

Para a celebración de eventos en interiores, Goberno e autonomías recomendan a ventilación natural de forma permanente; se esta non fose posible, utilizarase a ventilación forzada para obter unha adecuada renovación do aire.

Esta flexibilización da capacidade chega despois de que o pasado 4 de agosto, tras a parada estival, se anunciase a volta do público aos estadios cunha ocupación máxima do 40 % nos estadios de fútbol para os partidos que se disputasen durante o mes de agosto e do 30 % nas canchas de baloncesto. 

Cataluña critica a decisión

Cataluña votou este mércores, no Consello Interterritorial de Saúde, en contra do acordo para a ampliación da capacidade en estadios de fútbol (ata o 60 %) e pavillóns de baloncesto (40 %), ao considerar que neste momento debería imperar a prudencia. 

Noticias web

01/09/2021