CRTVG

Buscar

O meu concello está pechado, en que casos podo saír?

Publicado o 30/10/2020 17:09
O meu concello está pechado, en que casos podo saír?

Despois das medidas decretadas pola Xunta, saíu a correspondente publicación no 'Diario Oficial de Galicia'. Dela despréndense catro ideas que nos poden axudar a entendela:

Limítanse as entradas e saídas dos seguintes territorios: A Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Santiago de Compostela, Teo, Ames, Ferrol, Narón, Fene, Neda, Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Irixo, Boborás, Verín, Oímbra, Vilardevós, Lugo, Vigo e Vimianzo.

• Limítanse as reunións nestes territorios ás persoas conviventes.

• En vigor dende as tres da tarde do venres

• Estas medidas serán revisadas o vindeiro martes ou nun período máximo de 7 días

Con respecto ás limitacións da mobilidade entre os territorios anteriores, téñense en conta as seguintes excepcións:

• Ir a centros, servizos e establecementos sanitarios

• Ir ao traballo, ou cumprir obrigas empresariais, institucionais ou legais

• Desprazarse a centros universitarios, docentes e educativos, así como a escolas de educación infantil

• Volver ao lugar de residencia habitual ou familiar

• Desprazamentos para coidar persoas maiores, menores, dependentes, con discapacidade ou vulnerables

• Ir ao banco ou a entidades de seguro, ou estacións de servizo, iso si, en territorios limítrofes.

• Realizar xestións que se consideren urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais.

• Renovar permisos e documentación oficial, como o DNI ou carné de conducir; outros trámites administrativos "inaprazables".

• Facer exames ou probas oficiais que tampouco poidan ser adiadas.

• Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

• Calquera outra actividade de "análoga natureza", debidamente xustificada.

Ademais, non se limita a circulación a través dos territorios afectados por estas restricións. É dicir, poderíase circular, por exemplo, por todo o concello de Lugo. 

Outra medida promulgada pola Xunta refírese ás reunións. Neste caso, di o 'DOG' que nos territorios que aparecen máis arriba, só se permiten as reunións entre persoas conviventes. 

Visto o anterior, imos cunha serie de preguntas que nos poden xurdir despois de ver estas medidas:

• Son repartidor/a e teño que ir, por exemplo, a Pontevedra a entregar un paquete, podo?

Segundo o 'DOG' tense en conta a excepción desta limitación para cumprir coas nosas obrigas laborais. É dicir, enténdese que si se podería.

• Son de Marín, se vou encher o depósito a Bueu, estou incumprindo as normas?

En principio, o 'DOG' di que podes desprazarte a un concello limítrofe para ir a unha estación de servizo.

• Vivo nunha área que non ten limitacións, pero traballo nunha zona afectada pola restrición de entradas e saídas, podo ir facer a compra no concello en que traballo?

Non, a autorización serve unicamente para ir ao teu lugar de traballo.

• Teño un avó ou avoa que vive en Arteixo, podo ir coidalo?

Si. Hai unha excepción que ten en conta a "asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables".

• Son estudante en Santiago, podo volver á miña residencia habitual?

É complexo, a norma di que se permite o "retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar". Non obstante, precisamente estas restricións establecéronse para limitar a mobilidade e conter a expansión do virus en Galicia. Por ese motivo, pedíuselles expresamente aos estudantes que permanecesen nas cidades en que estudan.