O mes de xaneiro foi excepcional polos extremos contrastes térmicos
Xaneiro xa quedou aló, pero tardaremos en esquecer imaxes coma estas... Tardaremos en esquecer, por moi afeitos que esteamos en Galicia ás borrascas, que despois de Filomena, chegaron Gaetan, Hortense e Ignacio. Todas seguidas. Algo parecía estar pasando.
Pasaba, sabémolo agora, que practicamente en todo o estado estabamos ante un "mes de extremos", polo gran contraste térmico entre as altas e as baixas temperaturas. Precísanolo a Axencia Estatal de Meteoroloxía. No seu balance do mes de xaneiro recolle que a primera quincena foi a máis fría desde o ano 1985, a segunda deixou porén valores moi por riba dos habituais para esta época do ano.
Lembramos especialmente a primeira, cunha vaga de frío a principio de mes e con Filomena e a súa nevarada histórica en Madrid os días 8 e 9 de xaneiro. Cando marchou unha segunda vaga fixo descender os termómetros a temperaturas de récord: máis de 20 graos negativos en zonas de Teruel ou Guadalaxara.
Tivemos de todo, cando subiron as temperaturas chegaron as precipitacións. Di a AEMET que xaneiro foi un mes moi húmido, cun 19 % máis sobre a media de España para este mes. En zonas como Andalucía ou Caslela-A Mancha choveu un 50 % máis do habitual.
A nós a chuvia non nos colleu de sorpresa, si o contraste térmico. Unha excepcionalidade máis en tempos excepcionais.