O mércores entra en vigor o novo protocolo para os locais de hostalería
Desde este mércores 15 de setembro o sector da hostalería decide entre dous niveis sen ter que depender da evolución epidemiolóxica do concello. Con máis medidas de seguridade, maior ocupación.
No nivel máis básico, os requisitos son mínimos. Só poderán traballar na metade do interior do local e o 75 por cento fóra. No segundo nivel as esixencias sanitarias aumentan, pero tamén a ocupación dentro, ata o 75 por cento.
"Un 75 por cento non é o ideal pero somos capaces de sacrificar o 25 por cento para ter a certeza de que non imos volver a políticas anteriores de que nos pechen, ou baixar ao 30 por cento", di o presidente da Federación de Hostalería de Pontevedra.
"Os restaurantes, sobre todo os pequenos, que teñen beirarrúa ou non poden pór mesa e se poñen non lles dá para os gastos, van pasalo mal", engade o vicepresidente.
Nos locais de máxima seguridade poderase tomar algo na barra, aínda que con restricións. O máis positivo para o sector sería que a maioría optase polo nivel dous malia supor máis gasto en desinfección, ventilación e persoal.