O mercado laboral galego perde 21.100 empregos no primeiro trimestre do ano
A ocupación laboral en Galicia diminuíu en 21.100 persoas (ata 1.059.800) durante o primeiro trimestre do ano, marcado polo impacto da terceira onda da pandemia.
Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de persoas desempregadas en Galicia medrou en 15.700 en números absolutos, a maior suba do conxunto de España neste período.
Deste xeito, sitúase en 158.300 persoas, o que deixa a taxa de paro no 13 por cento, un 1,3 por cento máis que no trimestre anterior e un 0,4 % máis que hai un ano. Porén, mantense tres puntos por baixo da media estatal.
O paro en España
O paro baixou en 65.800 persoas entre xaneiro e marzo; iso supón un 1,7 % menos que no trimestre anterior. Rexistra así o seu primeiro descenso nun primeiro trimestre desde o ano 2015, cando o desemprego diminuíu en 13.100 persoas.
A ocupación reducíuse en 137.500 postos de traballo nos tres primeiros meses do ano (-0,7 %), a metade do que caeu no mesmo período de 2020 (-285.600), cando a pandemia fixo aparición no mundo.
Este descenso da ocupación é o menos acusado desde o primeiro trimestre de 2019, o período en que se destruíron 93.400 empregos. Ao finalizar marzo, o número total de parados situouse en 3.653.900 persoas, e o de ocupados en 19.206.800.
No primeiro trimestre a taxa de paro diminuíu algo máis dunha décima, ata o 15,98 %, mentres que a taxa de actividade baixou medio punto, ata o 57,69 %, tras reducirse o número de activos en 203.400 persoas entre xaneiro e marzo (-0,9 %).
Datos por sectores
Por sectores, o descenso da ocupación no primeiro trimestre en termos absolutos está liderado pola industria (5.800 empregos menos); seguido polos servizos (-5.600) e a construción (-5.300). A redución no sector primario foi de 4.400.
Respecto ao primeiro trimestre do pasado ano, a industria perdeu en Galicia 22.700 empregos.