CRTVG

Buscar

O megagromo de Mallorca: 1.167 infeccións e 4.796 persoas illadas

Publicado o 28/06/2021 20:24

Moitos estudantes puideron saír da illa antes de que se detectase o gromo, pero hai máis de 200 que permanecen en corentena en Mallorca baixo custodia policial.

En total son 268, por agora hai identificados 33 positivos e 45 negativos que non van poder volver ás súas casas de momento. A nai dun deles presentou unha denuncia no xulgado contra o Govern de Baleares por detención ilegal e prevaricación.

A responsable de saúde balear recalcou que a positividade das probas PCR realizadas ata o momento aos mozos alcanza o 26%, o que implica unha altísima taxa de contaxio. As comunidades máis afectadas son a comunidade de Madrid que contabilizou xa 526 casos positivos, País Vasco 172, Cataluña 132 e Comunidade Valenciana 104.

12 dos estudantes que permanecen illados en Mallorca foron hospitalizados por precaución nas últimas horas con síntomas leves da enfermidade.

O Goberno pide non estigmatizar os mozos

O Goberno minimiza a repunta da incidencia dos últimos días: di que se concentra nos grupos de idade aínda non vacinados, pero que entre eles a letalidade é de 2 casos por cada mil habitantes, a décima parte que nas últimas ondas. Sobre o macrogromo de Mallorca, Fernando Simón admite que se deu o caldo de cultivo perfecto: persoas de moitas orixes diferentes en eventos con pouco control: "Os grupos que aínda non están inmunizados teñen que ser conscientes de que aínda non están inmunizados. Non está tendo un impacto importante na incidencia global, pero si que representa un impacto non desdeñable nos últimos 7 ou 8 días"

Simón advirte de que o maior risco non está nos mozos, senón nos seus pais, persoas de entre 45 e 55 anos que aínda non completaron a pauta de vacinación. Sobre a variante delta, os expertos estiman que supón entre o 3 o 4% dos casos totais, pero que os últimos datos apuntan a que é menos grave e transmisible do que parecía nun principio.

 

Noticias web

28/06/2021