O medo ao contaxio dispara as vendas de coches de ocasión
A covid-19 cambiou ata a nosa forma de movernos. O medo ao contaxio notouse nos concesionarios, sobre todo nos de venda de coches de ocasión.
Pablo Martínez, encargado de vendas en Autos Brea explica que "o cliente este ano vén buscando moito turismo pequeno sobre todo diésel e que roce máis ou menos entre os 6.000 e os 9.000 euros. Nótase que son compradores do momento, ou sexa, en 5 minutos teñen claro se queren comprar ou non, non é como antes que daban máis voltas, agora van moito máis ao grao".
Ángel Montes, de Vehículos de ocasión Bonaval conta que "se unha persoa utilizaba o autobús ou ao mellor utilizaba un transporte compartido con outra persoa para ir a traballar, agora o que queren é un coche económico para poder ir a traballar pero de forma individual".
No que levamos de ano vendéronse máis dun millón de coches usados, o dobre que de novos.
"Nós a 15 de outubro temos xa vendido máis coches que en todo o 2019", di Pablo Martínez.
As vendas disparáronse sobre todo nos coches máis antigos.
"O maior incremento de vendas foi nos vehículos de máis antigüidade en coches de 8 anos para arriba ou incluso de 10 anos para arriba", di Ángel Montes.
Esta tendencia vai na contra do que busca o Goberno, que é retirar os coches vellos das estradas.
"Son coches que contaminan moito, son coches que están averiados continuamente nas estradas, son coches que en caso dun accidente estamos moi mal protexidos porque son tecnoloxías de hai 20 anos e non teñen nada que ver co que hai agora", engade Ángel López, xerente de Sibuscascoche.
Malia este aumento de vendas de coche usado, o sector prevé que o ano acabará cunha caída do 14% con respecto ao ano anterior.