O marisco, máis accesible nos mercados galegos: centola, cigala e ameixas para catro por 100 euros
Coa hostalaría pechada e a calidade do produto no punto óptimo, é o mellor momento para gozar dunha mariscada na casa
A diferenza de prezos entre o Nadal e este final de xaneiro convida a comprar, sobre todo, centola e cigala.
"Unha centola que en Nadal ou fin de ano estaba a 38 euros o quilo, agora está a 16 ou 18, dependendo do tamaño; a cigala que se vendeu a 65 euros está a 24 ou 25", explica un vendedor desde o seu posto na praza de abastos de Santiago.
Outro vendedor de peixe e marisco corrobora estes prezos e engade que vende uns bruños (centolas pequenas) a 10 euros o quilo e "están saíndo espectaculares".
Tamén baixou o camarón, aínda que escasea, e a zamburiña, que está a dez euros, lonxe dos 15 que custaba hai un mes. Así que é o mellor momento para preparar unha mariscada na casa. Algúns compradores e compradoras que hoxe se achegaban ao mercado compostelán confirmaban que tanto en prezo como en calidade o marisco está no mellor momento.
Coa hostalaría pechada e unha fin de semana de mal tempo por diante, este é o menú que recomendan aquí para un fogar de catro membros disposto a gastar 100 euros: "Unha centoliña para catro dun tamaño de 1,300 kg sae por 24 euros, así que aínda quedan outros 75 para gastar, con dous quilos de cigala sumamos 50 euros e os 25 restantes serían para un quilo de ameixas ou dúas bandexas de zamburiñas".
Outra opción é o peixe, que tamén baixou notablemente desde mediados de decembro.