O marisco e as uvas, o máis demandando nas prazas de abastos
Poucos barcos pescando, pouco peixe nas prazas. E se isto coincide en pleno Nadal, os prezos dispáranse.
"Duplicando os prezos da semana pasada -di un vendedor da praza de abastos de Santiago-, a ameixa xaponesa do Carril pasou de 18 a 30 euros; a babosa, a 50; a centola está a 38, cando hai uns días estaba a 30 euros".
O ano pasado a situación foi á inversa: bo tempo no mar, mercados abastecidos e prezos contidos. Agora, a progresiva suba das cotizacións destes días non retrae o consumo.
"Hoxe é martes e estase movendo bastante ben. A semana pasada foi boa e agardamos que mañá e o xoves veña moita xente", comenta outro praceiro.
Hai compras que se anticipan e outras non tanto. É o caso das uvas. "Quedan dous días aínda. A ver se estes días sobe un pouco máis pero de momento está entre 3 euros e 3,50", afirma unha vendedora.
Dous días para facer as compras tradicionais de Noitevella nas prazas de abastos, nun ano moi pouco tradicional.