O Manuel Laura chega a Vigo tras denunciar que un enfermo de covid non recibiu axuda en Irlanda
A tripulación decidiu abandonar o porto do suroeste irlandés tras ser desantendida polas autoridades locais. Denuncian que se lles negou o servizo de ambulancia para trasladar o enfermo a un hospital. Ante esta situación, decidiron poñer rumbo ao porto vigués, onde chegaron a primeira hora da tarde de hoxe, martes. O pesqueiro permanece illado na terminal viguesa e prevese que a tripulación se someta a probas PCR, xa que a maior parte dos mariñeiros presentan síntomas, segundo fontes sanitarias. Polo de agora hai un caso confirmado.
Os doce tripulantes, sete deles galegos, foron vacinados un día antes de saír para o Gran Sol. Arribaron a un porto do suroeste irlandés cando un deles comezou a sentir síntomas. Din que se negaron a prestarlles asistencia médica e recomendáronlles volver a Galicia.
Denuncian o incumprimento da normativa sanitaria internacional por parte de Irlanda.