CRTVG

Buscar

O mal tempo e as pragas condicionan o traballo nas hortas

Publicado o 09/08/2021 20:45

As plantas xa están sementadas dende hai semanas nas hortas, pero o seu crecemento e floración víronse freados polo mal tempo. Agora, coa calor, toca protexelas con tratamentos fitosanitarios ou mallas protectoras para evitar a aparición de fungos como o mildeu ou de insectos que atacan os froitos. Un traballo moi diferente do habitual nesta época do ano que consistiría básicamente en regar.

"Sobre todo, tomates e pementos veñen moi atrasados. Por cousa do tempo", comenta Santi Vilor.

"Á noite regamos se vai calor. Se non, non, porque prexudica", explica Porfirio Rei, dono dunha horta.

A diferenza de tamaño e maduración entre os tomates e pementos fóra e dentro dos invernadoiros é este ano especialmente acusada. O que se recomenda é eliminar malas herbas e estar atentos a calquera alteración que apareza nas plantas. A colleita virá máis tarde pero acabará chegando se os horticultores permanecen vixiantes.

"Ir mirando que non veñan as pragas que xa están aparecendo por cousa do tempo", afirma, Santi Vilor.

"Hai que ter a horta limpa, sacar as herbas e poñer a tea", engade Porfirio Rei.

Agora é tamén o momento de sementar cultivos de inverno como repolo, coliflor ou acelga.

Noticias web

09/08/2021