CRTVG

Buscar

O Madrid pasa a oitavos da Champions como primeiro; o Atlético, como segundo

Publicado o 09/12/2020 23:01
O Madrid pasa a oitavos da Champions como primeiro; o Atlético, como segundo

O Real Madrid certificou no Alfredo di Stéfano fronte ao Borussia Mönchengladbach (2-0) a súa presenza nos oitavos de final da liga de Campións, como primeiro de grupo, nunha 'final' que venceu con tranquilidade grazas a un dobrete do francés Karim Benzema con senllos tantos de cabeza nos minutos 8 e 32. 

Os homes do galo Zinedine Zidane levaron a iniciativa desde o comezo, inauguraron o marcador pronto e viviron con tranquilidade. Dous goles en xogadas calcadas. Primeiro o español Lucas Vázquez e logo o brasileiro Rodrygo Goes puxeron centros medidos a Benzema para que este superase o suízo Yan Sommer a pracer. 

No minuto 43, o colexiado anulou un gol ao croata Luka Modric por fóra de xogo previo do francés Raphael Varane. O Mönchengladbach non puido executar como lle gustaría o seu plan de aproveitar os espazos ás costas da defensa madridista e estivo sometido ao dominio destes que, a pesar do intento de reacción na segunda metade, quedou en nada. 

O Atlético de Madrid clasificouse para os oitavos de final da liga de Campións ao gañar por 0-2 ao Salzburgo austríaco, con goles de Mario Hermoso, na primeira metade, e do belga Yannick Carrasco, no último tramo do partido. 

Unha cabezada de Mario Hermoso tras un saque de falta adiantou o Atlético no minuto 39, despois dunha primeira parte de pesadelo, e Carrasco pechou o duelo no 86. O triunfo certifica o pase do Atlético como segundo do Grupo A con 9 puntos (dúas vitorias, tres empates e unha derrota), acompañando o líder, o Bayern Múnic alemán, que se impuxo por 2-0 ao Lokomotiv de Moscova ruso e suma 16 unidades, con cinco triunfos e só unha igualada.