CRTVG

Buscar

Galicia xeneraliza a vacinación dos menores de 50 anos

Publicado o 06/06/2021 22:23

• En Santiago citaron este domingo 3.400 persoas nacidas en 1972

Xornada de vacinacións masivas tamén en Vigo e Ourense

• Galicia supera os dous millóns de vacinas postas contra a covid−19

Chegou a quenda dos menores de 50 anos. Na área sanitaria de Santiago estaban citadas esta tarde unhas 3.400 persoas nacidas no ano 1972.

Iolanda Moares, coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura: "Hai xente que se amosa sorprendida porque agardaba que lle tocase máis avanzado o verán, pero veñen encantados".

"A min dicíanme que me tocaría máis a finais, e cando me chamaron esta semana dixen: 'Que rápido!'".

"Hoxe tocounos ao meu marido e mais a min".

"Empezaron a chamar compañeiros e xa me facía á idea de que me chamarían. Moi contento".

A partir do luns xeneralízase en toda Galicia a vacinación do grupo de idade de 40 a 49 anos.
Nesta xornada na Cidade da Cultura recibiron a primeira dose da vacina de Pfizer.

"Nin tiven a covid−19 nin nada; polo menos agora estamos un pouquiño máis seguros".

Moitos dicían estar ilusionados con poder pasar un verán mellor ca o ano pasado. Algúns pensan xa en viaxar tras completaren a pauta de vacinación dentro de 21 días.

"Eu penso viaxar, claro que si, moverme por aí, como non, e máis agora coa vacina".

"Tiña pensado viaxar, estou dubidando entre España ou o estranxeiro, probablemente España para evitar problemas, en xullo".

"Ata o ano que vén, nada. Tiña ganas de ir ao Brasil, pero agora nada, ata o ano que vén non vou, non me arrisco".

A vacinación avanza rápido. Os equipos sanitarios que o fan posible traballan longas xornadas vacinando milleiros de persoas pero aseguran estar satisfeitos do labor que están a desenvolver.

Iolanda Moares, coordinadora de vacinación na Cidade da Cultura: "Estamos cansos, pero desexando rematar xa e contentos de ser parte da solución, non?".

Noticias web

06/06/2021