CRTVG

Buscar

Balance final do incendio no Ceao: o lume arrasou tres naves e afectou outras tres

Publicado o 12/04/2021 11:29

O incendio declarouse de madrugada. As lapas xa advertían dun lume intenso.

Comezou nunha nave de pinturas, na rúa da Industria do polígono do Ceao. A pesar da rápida intervención dos bombeiros, espallouse ás naves lindeiras. Acabou afectando outras cinco, e activouse o plan territorial de emerxencias.

A media mañá do domingo quedaba controlado o lume, pero os equipos de emerxencia aínda tiñan moito traballo por diante.

O Concello de Lugo confirmou que o incendio calcinou por completo tres naves industriais e afectou a outras tres, ademais de queimar o transformador que aseguraba a subministración eléctrica ás empresas desa zona do parque, na rúa da Industria.

En canto á subministración eléctrica, fontes municipais informaron de que operarios da empresa subministradora estiveron a traballar desde onte pola mañá no parque empresarial para habilitar unha solución "provisional" que permita manter o fluído eléctrico ás naves que non quedaron afectadas o lume.

Durante a noite, un retén de seguridade, con catro patrullas de policía, dúas da Nacional e outras dúas da Local, así como unha dotación dos bombeiros de Lugo, vixiaron a zona afectada polo lume.

De feito, parte da mazá afectada polo lume continúa acordoada perimetralmente por motivos de seguridade, polo temor a que algunha das estruturas afectadas polo incendio poida derrubarse, e tamén persisten as restricións de tráfico na zona.

O propietario dunha das empresas máis afectadas polo lume, Recambios Frain, confirmou que a súa intención é que a empresa siga funcionando desde hoxe mesmo desde as instalacións que non se viron afectadas polo lume. Francisco Dorado cifrou inicialmente as perdas provocadas polo incendio na súa nave de pneumáticos nuns 14 ou 15 millóns de euros.

Canto ás causas do incendio, fontes policiais informaron de que os axentes da Policía Científica e dos propios Bombeiros de Lugo non accederán ao interior da nave de pinturas, en que supostamente comezou o lume, ata que a zona sexa segura e están arrefriado os restos. 

Noticias web

12/04/2021

Máis sobre Lugo