O Lugo volve gañar oito xornadas despois cun gol de Cristian Herrera
O último triunfo lucense tamén fora contra o Albacete
O Lugo apúntase a xogar co Albacete. Hai máis de dous meses, os lucenses vencían no Carlos Belmonte e desde entón estivo oito xornadas sen gañar. Ata que volveron enfrontarse aos manchegos.
Daquela o Lugo disparou dúas veces a porta e marcou un gol. Desta mellorou os seus rexistros e bastoulle para impoñerse a un Albacete superior no primeiro tempo no que rematou once veces, estrelou un balón no poste e Cantero tivo que intervir en dúas ocasións.
Os de Curro Torres apenas inquedaron en ataque. Aínda así, houbo dúas xogadas polémicas nas que pediron penalti. A primeira por derrubo de Alvaro Benito a Kravets,
E na segunda por man de Kecojevic, que xa contaba con cartón amarelo. En ambas ocasións o VAR considerou que non había nada sancionable.
O segundo tempo foi do Lugo que nada máis comezar puido adiantarse nunha cabezada de Manu Barreiro tras centro de Valentín, o máis incisivo dos branco e vermellos.
Unha e outra vez, o catalán foi un puñal pola banda dereita e incluso apareceu polo centro para asistir a Cristian Herrera no gol da vitoria á hora de xogo.
Unha recuperación no medio campo, posibilitou unha contra rápida do Lugo que Cristian Herrera converteu no seu oitavo gol na Liga.
O propio Cristian Herrera dispuxo doutra boa ocasión nesta cabezada logo dunha falta sacada por Álex López.
E pouco despois Jaume Grau puido pechar o partido nunha boa acción individual rexeitada por Tomeu Nadal.
Con esta vitoria, o Lugo durmirá fora da zona de descenso.