O Lugo vai a Málaga con desgaste pero "sen presión" logo de gañarlle ás Palmas
O Lugo está en racha. A vitoria contra as Palmas foi a terceira nos catro últimos partidos na casa e xa van cinco sen perder. Non resultou tan temible a dianteira canaria como a pintara Albés, que esperaba unha boa película de suspense.
Rubén Albés, adestrador do Lugo: "Soubemos detectar o asasino en cada momento"
Un gol rápido en propia porta, que concederon os canarios, e un segundo tanto de Xavi Torres pasada a media hora déronlle a vitoria ao Lugo. Estes tres puntos e mais o de Burgos son a mellor equipaxe para viaxar a Málaga. Terceiro partido en seis días. Albés volveu lamentalo na súa terceira rolda de prensa en 48 horas. "É un desgaste importante pero sempre penso que a cabeza move as pernas e a vitoria danos máis enerxía... coa putada que nos fixeron".
Joselu: "Imos a Málaga nunha semana curta de tres partidos pero imos cunha boa etapa e sen presión". A reaparición de Joselu e Juanpe son outra boa noticia para o Lugo, aínda que o dianteiro non quedou contento.
Joselu: "Marcho contento pola vitoria, pero marcho coa sensación de que non tirei a porta".
Juanpe: "Queremos seguir competindo. A ver se sumamos máis puntos rápido e aproveitamos esta boa etapa".
O Lugo suma quince puntos cinco sobre o descenso, un sobre o Málaga e ocupa un cómodo undecimo lugar.