CRTVG

Buscar

O Lugo ten tres puntos máis dos que tiña o ano pasado na xornada trinta

Publicado o 24/03/2021 14:46

A decisión arbitral de non pitar penalti sobre Manu Barreiro na derradeira xogada do último partido, privou a Luis César da súa primeira vitoria. Tres partidos, tres empates, tres puntos na ditadura dos números.

Luis César: "O Lugo suma 3 puntos en 3 partidos cun só gol marcado. Acumula 8 xornadas sen gañar". "Os resultados dos adestradores non se analizan. É cuestión de dividir, nove puntos en xogo e só tes tres".

Analizar un Lugo que leva dous anos sobre o gume da navalla apurando ao límite a salvación no final de liga. Dous mil vinte e un non vai ser distinto, malia que a marxe agora, a 12 xornadas do final, sexa de tres puntos máis.

Os lugueses non resolven na área e contra o Castellón chegaron 20 veces a porta por 4 do rival. Unha ecuación do 20 por 4 para dar azos.

Luis César: "Oxalá, de aquí ao final, que o Lugo faga 20 remates e conceda 4. Asino agora mesmo porque sei que ese é o camiño".

O Lugo non marca moito esta temporada como tampouco marcou na anterior. Escravos do gol que non chega e das vitorias que se resisten quedan abocados a sufrir no medio prazo.

Os números tan axustados poden meter ao Lugo nese desfiladeiro das Termópilas doutro final de liga en apuros. Nesta altura ningún dos de abaixo está aínda descendido e os gregos de Luis César terán que resistir até o final fronte aos sete equipos persas que queren abrirse paso pola angosta canella da permanencia.


 

Noticias web

24/03/2021