O Lugo prepara xa o partido do martes contra o Oviedo
Este non é un equipo tocado. Con bo ambiente traballaba hoxe o club deportivo Lugo. Xogos e diversión para esquecer o sucedido o venres en Alcorcón. Unha derrota que queren deixar pasar como un accidente illado. O martes xa terán a oportunidade de tentar demostralo no Anxo Carro ante o Real Oviedo.
No vestiario lucense manteñen a convicción de que están no camiño correcto.
Xavi Torres, C. D. Lugo: "Potenciar todo o que viñamos facendo ben para o martes volver sumar 3 puntos, que a derrota non nos quite da dinámica positiva e do traballo que estabamos facendo porque eran moitas as cousas que estabamos facendo ben".
Este gol de despropósito custoulles a derrota no campo de Santo Domingo. Tropezar co último clasificado non entraba no previsto, e menos despois de 5 vitorias e un empate nos 7 partidos anteriores, dende a chegada de Nafti.
Asumida a derrota por deméritos propios, prepáranse para recibir o Oviedo. Só dous puntos median entre eles na clasificación. Con vantaxe para un Lugo que recuperará os internacionais Djaló e El Hacen tras os seus partidos da Copa África co Senegal e con Mauritania.