O Lugo logra en Xixón a primeira vitoria da pretemporada (1-2)
A segunda foi a vencida para o Lugo nesta pretemporada. Ante o Spórting, no Molinón e logo de remontar o gol inicial dos asturianos que foron mellores na primeira metade.
Djurjevic converteuse nun auténtico pesadelo para os de Juanfran que formaron con Pedro e Alende no eixe central da defensa apoiados por Pita na saída de balón.
Precisamente, Alende foi castigado con penalti nesta agarrada ao dianteiro serbio na fronteira da área. O propio Djurjevic, que a pasada temporada lle marcou dous goles ao Lugo no Anxo Carro, puxo por diante o Sporting.
Gaspar estivo a piques de aumentar a vantaxe nun disparo que rexeita Julen e, posteriormente tropeza no traveseiro. Finalmente, Djurjevic non aproveita o rexeitamento.
O Lugo apenas inquietou no primeiro tempo, salvo neste centro de Iriome ao que non chega Manu Barreiro.
Os lucenses melloraron tras os trocos no descanso. E nada máis reiniciarse o partido, Cristian Herrera saca un córner e, logo de varios rexeitamentos, Iriome acaba resolvendo logrando a igualada no minuto 55.
E cando quedaban seis minutos para o remate, este penalti por man de Argüelles tras un centro do incorporado Dani Vidal, permitiulle a Cristian Herrera lograr o gol da vitoria.
Un triunfo revitaizante pola categoría do rival e sufrido porque Borja López dispuxo dunha última oportunidade no engadido. O vindeiro mércores, os lucenses aumentarán o nivel de dificultade na preparación enfrontándose ao Celta en Balaídos.