CRTVG

Buscar

Gemma, gandeira: "Non son partidaria de matalos, pero hai que chegar a un equilibrio"

Publicado o 20/05/2021 14:25

Gemma San Pedro, que ten 200 cabras e cría outros tantos cabritos en Guntín, chegou a sufrir nun só ano a perda de medio cento de cabezas de gando debido aos ataques do lobo. Así e todo, di estar en contra da caza destes animais, polo que celebra a súa inclusión na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Pero, por outra banda, tamén é partidaria de actualizar o censo de mandas co fin de controlar a súa poboación de ser necesario.

"Habería que empezar por facer un estudo real da poboación do lobo para axudar o gandeiro a tomar todas as medidas para intentar convivir con el. Eu non son partidaria de matalos, pero se hai máis lobos ca gandeiros creo que é necesario chegar a un equilibrio", di esta gandeira.

Ademais de prohibir a caza do lobo en todo o ámbito estatal a partir do 25 de setembro, o proxecto de orde ministerial establece un prazo máximo dun mes para indemnizar os gandeiros polos danos ocasionados polos ataques. Segundo gandeiros coma Gemma, isto non é dabondo, posto que as compensacións en ningún caso resarcen das perdas.

"As compensacións nunca son suficientes. As axudas nunca representan o valor real do animal. Eu teño cabras que son moito máis boas ca outras, pero iso non se valora. É valor que ten para o propio gandeiro", asegura Gemma.

Pide, por tanto, que se valoren na súa xusta medida as perdas e que se concedan axudas para a cría de cans. Sinala que, dende que ten sete mastíns, as súas cabras nunca máis volveron sufrir un ataque do lobo.

Noticias web

20/05/2021