O lobo mátalle un can a un cazador dunha cuadrilla de Viveiro
Continúa a vaga de ataques do lobo en Viveiro. Desta volta, matáronlle o can a un veciño de Boimente que se encontraba de caza en Monte Castelo, na parroquia de Galdo. Dez minutos sen velo chegaron para que o animal, un sabuxo, aparecese medio devorado a uns oitenta metros da cuadrilla.
Roberto Cruz Dopico, dono do can: "Chamei e chamei e entón xa me preocupei, porque sabía que por aquí andaban os lobos. Un compañeiro díxome que había estar subido a unha pena, pero xa me preocupara. Subín buscalo e xa nos encontramos outro rapaz mais eu con panorama. Estaba comido polos lobos, que sentimos escapar". Bruno Díaz, compañeiro da cuadrilla de caza: "Iso pódelle pasar a calquera persoa, agora mesmo, tanto a un particular como a un cazador. Levabamos cinco cans, este foise dos postos e pasou o peor".
Segundo denuncian os cazadores, ademais de gando, cada vez son máis os cans que mata o lobo. De feito, dun tempo a esta parte, multiplicáronse os ataques nesta zona da Mariña.
Francisco Blanco, cazador e gandeiro: "No transcurso dun mes e pico comeume tres tenreiros, unha vaca e dous cans de caza. Máis vacas xa non me vai matar porque me estou desfacendo delas e vouno deixar xa. Non me parece normal que a Administración non tome cartas no asunto, porque xa é moito o que leva feito por aquí o lobo".
Roberto Cruz Dopico, dono do can: "Eu levo moitos anos na gandería en Viveiro e está acabando coa aldea todo isto, a avespa asiática, os lobos e moita máis bichería que hai. Hai que tomar cartas no asunto. Eu aviso: aquí vai haber unha desgraza máis grande que o can e que o becerro e que a vaca e que calquera outro animal".
O ataque produciuse ao pé do miradoiro do Barco, moi preto dunha ruta de sendeirismo.