CRTVG

Buscar

O lobo mátalle case todo o rabaño de ovellas mentres asiste a unha protesta contra a súa protección

Publicado o 01/10/2021 14:13

Un ataque do lobo na parroquia de Merille, en Ourol, saldouse cun carneiro e tres ovellas mortas. Outra ovella máis resultou malferida, polo que, de todo o rabaño, só quedou unha ovella a salvo. A dona do gando soubo do acontecido mentres participaba en Celeiro nunha protesta organizada por Unións Agrarias xustamente contra os danos do lobo.

"Estabamos na concentración, chamoume unha veciña e díxome que tiña dúas ovellas mortas, pero cheguei aquí e había catro mortas e unha ferida. Estou en tensión e nerviosa. Isto non pode ser. Teñen que dar unha solución e axudarnos un pouco aos gandeiros", di Elena Fanego, dona das ovellas.

"Fomos para alí ata que nos chamaron por teléfono uns veciños que pasaron por unha pista e viron os animais tombados aí. Déronse de conta de que nos viñera o lobo. E chamáronnos para avisarnos de que tiñamos os animais esnaquizados", relata José Ramón Blanco, propietario do terreo.

A dona do gando cifra en arredor de mil euros as perdas ocasionadas polo lobo. Este ataque vense sumar a outros rexistrados nas últimas semanas neste mesmo lugar de Vilares.

"Estaban preñadas e tiña un carneiro digno de ver. Viña todos os días velas, cerrarlles, darlles auga e mantelas, porque eu quero os animais coidados, coma as persoas. E son amante dos animais, pero teñen que mirar un pouco por nosoutros. Estamos fartos porque vimos de moitas", asegura Elena.

"Cada catro ou cinco días, unha semana como moito, onde hai gando deste fai un atropelo el", lamenta José Ramón.

Tras este ataque, a dona do gando manifestou a súa intención de non volver criar máis ovellas.

Noticias web

01/10/2021