CRTVG

Buscar

O lobo mata unha ovella á beira das casas na vila de Muimenta, en Cospeito

Publicado o 27/09/2021 13:59

O lobo atacou varias ovellas dunha casa do barrio da Vilerma, nas proximidades do recinto feiral de Muimenta. Como consecuencia do ataque, que se produciu a plena luz do día e a carón mesmo das vivendas, un animal morreu. Tiña un ano de vida e estaba a piques de parir, polo que o seu valor superaba os 100 euros.

Claudia Rus, dona da ovella: "Estaba sentada na choza e sentín o galo, saín e vin a ovella deitada. Berrei e entón o lobo arrancou coma unha bala, pero sen apurarse, andando, e saíu por un furado cara ao camiño. Fomos alí e xa lle vimos o pescozo todo cravado, aínda viva".

Cando a ovella xa estaba malferida, os donos puxéronse en contacto co veterinario, que confirmou que o ataque correspondía a un lobo. E o mesmo certificaron os axentes do Seprona que acudiron ao lugar.

Claudia Rus, dona da ovella: "Chamamos o veterinario, veu, pedímoslle que cosese a ovella, e dixo que non posto que non tiña máis que a pel toda tirada. E despois viñeron do Seprona, revisárona, sacáronlle fotos e miráronlle a marca dos cairos no pescozo, cuns grandes furados".

Este foi o último dunha serie de ataques rexistrados nos últimos días nos arredores de Muimenta, en Cospeito. No lugar do Pacio o lobo atacou outro rabaño de ovellas, mentres que na Traba matou un can.

Noticias web

27/09/2021